terça-feira, maio 23, 2006
Exemplos que vêm de perto
Manuel Bragado num artigo do Faro de Vigo:

Outra TVG é posible

"Especialmente significativos son os cambios introducidos na programación cultural, que aumentou non 40%". MANUEL BRAGADO


De vagariño, sen excesivas estridencias, ao abeiro do novo tempo político, vaise consolidando na TVG un esperanzador cambio na grella da súa programación e no seu tipo de xestión empresarial. Tras máis de vinte anos de funcionamento, a máis poderosa e custosa ferramenta coa que o país se dotou no período autonómico para dinamizar, defender e normalizar a lingua e cultura nosas, recupera o seu proxecto fundacional de servizo público e medio de información plural, de entretemento e educación para todos os cidadadáns galegos.
No marco actual da selva televisiva comercial, onde, a pesar da importante ampliación da oferta de canles, homoxeneizouse o discurso informativo e intensificouse a chocalleirada máis groseira, non é doado ofrecer un produto televisivo público de calidade que consiga manter, ao mesmo tempo, uns índices de audiencia competitivos e unhas contas saneadas. A baixa calidade da maioría dos programas das cadeas de televisión europeas e estadounidenses, feito no que coinciden todos os observadores, débese a que durante a última década a televisión transformou radicalmente a súa finalidade, pasando de ser un espazo de información e entretemento ao máis poderoso soporte publicitario co que conta o mercado globalizado. Patrick Le Lay, presidente da TF1 (unha das emisoras privadas francesas líderes) expresou esta pretensión de forma tan abrupta como contundente: "O oficio de TF1 consiste en axudar a Coca Cola a vender o seu produto. Agora ben, para que unha mensaxe publicitaria sexa percibida, cómpre que o cerebro do telespectador estea dispoñible. As nosas emisións teñen por vocación, a tarefa de facelo dispoñible. O que vendemos a Coca Cola é tempo de cerebro humano dispoñible". Máis claro, auga; hoxe as finalidades primeiras das televisións son vender publicidade (entre quince e dezasete minutos de cada hora de programación nos EE.UU.) e obter os maiores beneficios para os seus propietarios (velaí como Berlusconi alicerzou o seu imperio). O demais serían andrómenas.
Nun contexto comunicacional internacional tan desfavorable e desacougante como o descrito e arrastrando unha herdanza de xestión viciada, tras dezaseis anos de férreo control informativo e de programación intencionadamente aldeanizante, reconducir por vieiros de calidade e independencia á programación e xestionar con excelencia as contas da TVG semellaría unha empresa moi dificilmente exitosa. Porén, este é o proxecto rexenerador dos actuais responsables empresariais da CRTVG, determinados con afouteza a desenvolver a fantasía de que outra TVG é posible. Reinventar a programación para conectar, tamén, cos sectores urbanos (practicamente expulsados da pantalla na etapa anterior), aumentar sensiblemente a programación cultural e infantil (rotineira e depauperada ata agora) e potenciar a produción propia (o que supoñerá importantes aforros) preséntanse como as primeiras mudanzas na ambiciosa viraxe da nova TVG.
Especialmente significativos son os cambios introducidos na programación cultural, que aumentou desde o mes de xaneiro xa nun corenta por cento, organizada en base a sete programas semanais que abranguen dende a actualidade cultural ("Miraxes", dous programas na fin de semana), literaria (o magnífico "Libro aberto"), cinematográfica ("Planeta cine" e "Onda curta") e musical ("Sempre clásica" e "Alalá", dedicado á música tradicional). Outrosí pode dicirse da programación dedicada aos nenos e nenas, duplicada no tempo de emisión, potenciada con novos espazos ("Planeta fantasía", unha orixinal aposta por promover a lectura en galego entre os picariños de catro a oito anos) e dignificada na ubicación da grella, cun horario máis sensato para o veterano "Xabarín". Programación enriquecida, tamén, sensiblemente con espazos tan interesantes como "Hai debate" (a pluralidade e a liberdade de expresión como algo revolucionario en Galicia), "Cifras e letras", "Galicia documental" ou "Rec Cámara" que demostran que facer outra televisión en galego é posible e compatible con acadar índices de audiencia e contratación publicitaria máis que dignos.
Mudanzas esperanzadoras que sen dúbida deberán ser intensificadas coa posta en marcha modestamente dunha segunda canle (cultural e deportiva) no cuarto trimestre deste ano. Os cambios na TVG son vagarosos e difíciles, moi difíciles; as resistencias e as inercias de parte do propio persoal e os intereses das empresas do sector audiovisual moi poderosas; mais o novo camiño emprendido semella, contra vento e maré, non ter volta. Somos moitos os que nestes últimos meses volvemos conectar con máis frecuencia a TVG, reconciliándonos coa nosa mellor pantalla de futuro. Por favor, non teñan medo, miren con ollos críticos esta luminosa nova TVG.
posted by George Cassiel @ 10:06 da manhã  
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home
 

GEORGE CASSIEL

Um blog sobre literatura, autores, ideias e criação.

_________________


"Este era un cuco que traballou durante trinta anos nun reloxo. Cando lle chegou a hora da xubilación, o cuco regresou ao bosque de onde partira. Farto de cantar as horas, as medias e os cuartos, no bosque unicamente cantaba unha vez ao ano: a primavera en punto." Carlos López, Minimaladas (Premio Merlín 2007)

«Dedico estas histórias aos camponeses que não abandonaram a terra, para encher os nossos olhos de flores na primavera» Tonino Guerra, Livro das Igrejas Abandonadas

 
About Me

George Cassiel
Portugal
See my complete profile
E-mail
georgecassiel[at]hotmail.com
Search

Previous Post
Archives
Links
Outras coisas a dizer
Caixa para alguns comentários (mais permanentes) em breve.
Template by

Free Blogger Templates

BLOGGER

® 2004-2008 by George Cassiel