terça-feira, julho 12, 2005
Novamente Manuel Bragado (Brétemas) no Xornal.com:
Bibliotecas e lectura pública
(lunes 11 de julio de 2005)

Esta semana participei no Encontro da Edición organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo en Santander. Medio centenar de editores, chegados de todas as comunidades, debatemos arredor dos retos do noso oficio. Case todas as intervencións dos ponentes puxeron de manifesto o paradoxo de que a moi elevada produción editorial española (77.000 títulos en 2004) non evitaba a existencia dunha pobrísima oferta das bibliotecas públicas nin aumentaba de forma significativa os índices de lectura (“a metade da poboación española confesa que non le nunca un libro”), dato, sen embargo, bastante alentador e que demostra que cada día se le máis.

En presenza dos responsables da política do libro do Ministerio de Cultura, puxéronse sobre a mesa datos que amosan a lamentable situación das bibliotecas en España. Actualmente a oferta da rede de bibliotecas non acada o 1,1 libros por habitante (o índice de lectura pública máis recoñecido internacionalmente), moi lonxe da media europea do 1,90 e das recomendacións da IFLA/Unesco (Asociación Internacional de Bibliotecarios) que aconsellarían, canto menos, duplicalo. Situación non menos preocupante é o da actualización dos fondos bibliotecarios, xa que o 42% das obras teñen unha antigüidade superior aos vinte e cinco anos, o 24% foron dotadas durante a década de 1980 e só un 32% adquiridas nos últimos quince anos, xustamente á inversa das recomendacións da IFLA que aconsellan que os dous terzos dos fondos sexan actuais e o restante histórico. Triste panorama motivado polo escaso gasto por habitante en adquisición de libros para as bibliotecas, cifra que en España, a pesar da mellora da última década, acada só os oitenta e oito céntimos (só superior ao de Portugal e Luxemburgo), moi lonxe dos tres euros da media dos países da Unión Europea.

Máis esperanzadores foron os datos proporcionados polo avance do estudo da Fundación Germán Sánchez Ruipérez sobre a situación das bibliotecas escolares, afortunadamente xa unha realidade que comeza a emerxer en boa parte dos centros educativos, a pesar de que os dous terzos destas bibliotecas só abren durante unha hora ao día e, polo momento, non teñen fondos propios para dotarse. Salientouse con preocupación “o escaso interese dunha parte do profesorado coa biblioteca escolar”, espazo educativo que o corenta por cento dos docentes confesa non visitar e que o setenta e sete por cento nunca utilizou co seu alumnado para realizar actividades de aprendizaxe; datos que amosarían que aínda non existe o convencemento suficiente de que a lectura é o instrumento máis poderoso para organizar a información e o coñecemento no espazo escolar.

Como sucede en países como Finlandia, o campión da lectura europea, tanto por dotación bibliotecaria pública como por gasto en libros por habitante, e, tamén, o mellor situado nos índices de aproveitamento escolar do famoso Informe PISA 2003, debería transformarse a biblioteca escolar na aula principal de escolas e institutos, para así poder traballar alí todos os códigos e linguaxes do noso tempo, non só os libros, senón tamén os soportes audiovisuais e Internet; debería converterse a lectura no elemento transversal de todas as áreas de ensinanza, desde as humanidades á ciencia e á tecnoloxía (como propón a nova Lei de Educación, a punto de entrar en trámite parlamentario). Dúas prioridades, bibliotecas escolares e lectura, dunha nova política educativa que pretenda situar con garantías de éxito aos nosos futuros cidadáns no entorno da nova sociedade da información.

No contexto desta proposta transformadora, a existencia dunha rede de bibliotecas públicas suficientemente ampla, profesional e actualizada é, tamén, a mellor garantía dunha oferta de lectura viva e plural para todos os sectores da cidadanía. A biblioteca debería constituírse na primeira institución cultural de cada comunidade, de cada barrio, de cada vila, funcionando como panca de cambio e motor de activismo cultural e punto de encontro entre as actividades educativas e culturais e os diversos sectores da creación e da industria cultural. Coordinar os esforzos entre as diferentes administracións implicadas (dende a local á autonómica e a do estado) neste traballo colectivo a prol da lectura pública requerirá un importante esforzo económico para crear nalgúns casos (como o de Vigo, que presenta un dos peores índices de lectura pública de todo o Estado) novas instalacións e, noutros, para modernizalas e dotalas axeitadamente. O crecemento imparable da sociedade da información require facer este investimento nestas infraestruturas do coñecemento. Nas bibliotecas, tamén, nos vai o futuro.
posted by George Cassiel @ 11:45 da manhã  
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home
 

GEORGE CASSIEL

Um blog sobre literatura, autores, ideias e criação.

_________________


"Este era un cuco que traballou durante trinta anos nun reloxo. Cando lle chegou a hora da xubilación, o cuco regresou ao bosque de onde partira. Farto de cantar as horas, as medias e os cuartos, no bosque unicamente cantaba unha vez ao ano: a primavera en punto." Carlos López, Minimaladas (Premio Merlín 2007)

«Dedico estas histórias aos camponeses que não abandonaram a terra, para encher os nossos olhos de flores na primavera» Tonino Guerra, Livro das Igrejas Abandonadas

 
About Me

George Cassiel
Portugal
See my complete profile
E-mail
georgecassiel[at]hotmail.com
Search

Previous Post
Archives
Links
Outras coisas a dizer
Caixa para alguns comentários (mais permanentes) em breve.
Template by

Free Blogger Templates

BLOGGER

® 2004-2008 by George Cassiel