terça-feira, julho 05, 2005
Manuel Bragado (Brétemas) no Xornal.com:
Feiras do libro
Durante esta primeira decena de xullo, a Feira do Libro do libro de Vigo, instalada nos xardíns das Avenidas, animará a nosa actividade literaria. As Feiras do Libro naceron en Galicia nos anos finais da Ditadura e do comezo da Reforma Política (concretamente a de Vigo en 1975, dinamizada por don Antón Patiño Regueira, o propietario de Librouro) coa pretensión de levar o libro á rúa para facelo visible a toda a cidadanía, que, en tantos casos, nunca se atrevera a franquear a porta da libraría, concibida daquela como un templo sagrado destinado ás minorías de afeccionados á lectura. O libro constituía, entón, unha ferramenta de afirmación cívica e galeguista indispensable para conquistar a liberdade e a democracia.

Logo, co inicio do período autonómico e co desenvolvemento incipiente do mundo editorial galego, a Federación de Libreiros de Galicia, co apoio da Consellaría de Cultura, conseguiu converter as feiras no mellor aliciente anual para abrir en cada unha das nosas cidades unha xanela para o libro nos medios de comunicación e no interese dun público ocasional ou curioso. Empregando o ritual propagandístico da República das Letras –consistente nas asinaturas de autores, os pregóns en defensa do libro e a lectura, as presentacións das novidades, a realización de actividades de animación para nenos e nenas ou os debates sobre temas literarios– ou o atractivo dos descontos do 10% e dos sorteos diarios de lotes de libros, as feiras do libro, eventos onde se cruzan as dimensións comercial e cultural (propias do carácter bimembre do libro, ao tempo ben e cultural e mercadoría), foron consolidándose como unha das citas ineludibles para libreiros e editores, que conseguían con estas actividades unha aprezable ampliación do número de lectores e da súa cifra de vendas.

Sen embargo, nos últimos anos, estas Feiras do Libro comezaron en Galicia un lento devalar, e, nalgunhas cidades, están en aberta crise (en Ferrol non se celebrou este ano). A progresiva redución do número de expositores e visitantes, as dificultades para recabar un financiamento suficiente dos concellos, as redundancias na oferta presentada polos exhibidores (baseada, xeralmente, nas últimas novidades e nos libros de moda), o escaso eco dos medios de comunicación polas actividades literarias que alí se celebran son síntomas preocupantes de agotamento deste modelo de promoción do libro que, de cara ao futuro, todos os axentes do libro deben reconsiderar.

Reflexión á que non é allea, tampouco, a crise gravísima da libraría independente asediada tanto pola sobreprodución dos editores, que privilexian a edición de títulos coiunturais de dubidosa pertinencia cultural e impide o mantemento dos libros de fondo; pola modalidade de gratuidade mediante préstamo do libro de texto, imposta de forma unilateral pola Consellaría de Educación, que xa está levando ao peche dalgúns establecementos; como pola desvalorización do libro como ben cultural, reducido a mera mercadoría impresa, como demostran algunhas grandes superficies que na Coruña chegaron a saldar os libros ao quilo, como as toallas na feira de Valença.

As librarías, como as feiras do libro, a pesar da súa fraxilidade actual, son auténticos espazos de biodiversidade cultural, e como tales deben ser mimados e protexidos como institucións indispensables para o benestar da comunidade. A supervivencia da libraría é, como a causa social da lectura, un auténtico problema de estado. Cada palabra impresa posúe o ADN do seu autor, cada páxina editada expresa o soño do seu editor, cada libro publicado constitúe un neurotransmisor de vida e coñecemento, cada libraría aberta funciona coma un pulmón que renova constantemente o aire que respiramos, cada feira de libro expresa os azos de futuro da comunidade de lectores. Recomendo achegarse ás feiras do libro que se celebran en Galicia este verán (esta de Vigo, logo, tamén en xullo, a de Pontevedra, e, finalmente, a de Coruña, na primeira decena de agosto), rebordan a vitalidade que precisamos.

Manuel Bragado
(lunes 04 de julio de 2005)
posted by George Cassiel @ 3:16 da tarde  
0 Comments:
Enviar um comentário
<< Home
 

GEORGE CASSIEL

Um blog sobre literatura, autores, ideias e criação.

_________________


"Este era un cuco que traballou durante trinta anos nun reloxo. Cando lle chegou a hora da xubilación, o cuco regresou ao bosque de onde partira. Farto de cantar as horas, as medias e os cuartos, no bosque unicamente cantaba unha vez ao ano: a primavera en punto." Carlos López, Minimaladas (Premio Merlín 2007)

«Dedico estas histórias aos camponeses que não abandonaram a terra, para encher os nossos olhos de flores na primavera» Tonino Guerra, Livro das Igrejas Abandonadas

 
About Me

George Cassiel
Portugal
See my complete profile
E-mail
georgecassiel[at]hotmail.com
Search

Previous Post
Archives
Links
Outras coisas a dizer
Caixa para alguns comentários (mais permanentes) em breve.
Template by

Free Blogger Templates

BLOGGER

® 2004-2008 by George Cassiel