quarta-feira, março 23, 2005 |
Sobre a necesidade da crítica independente |
Un artigo de: Manuel Rodríguez Alonso [19/03/2005] in Cartafol de Libros.
Nestes últimos tempos está a suscitarse nos medios intelectuais galegos un certo debate sobre cal debe ser a función da crítica. A función da crítica é e será informar sobre as obras que xorden cada día e opinar honrada e sinceramente sobre elas. Por outra banda, a crítica realízase nun determinado medio, no noso caso o galego, que a condiciona.
O mundo cultural galego presenta unha serie de características, algunhas comúns con outros medios e outras propias, que fan moi necesaria a existencia dunha crítica independente e á marxe dos circuítos tradicionais, como xa sinalamos nun artigo desta mesma publicación hai pouco.
Pensemos que os libros, por moi ben cultural que sexan, teñen un prezo e son tamén un produto de mercado. Eu, como simple consumidor, antes de mercar unha novela, un poemario, un ensaio, un dicionario ou unha gramática quero ter unha información dun técnico sobre ese produto. Ninguén merca un televisor, unha radio ou un coche sen se asesorar antes. Non podemos deixarnos levar polas opinións do vendedor nin polas do gremio ou colectivo profesional dos que proporcionan ese obxecto de consumo, pois sempre dirán que é moi bo. Ben está que os do gremio se defendan entre si, pero isto non implica que outros non defendamos tamén os nosos intereses. Como ben sinala Günther Haensch, non podemos pagar entre vinte e cincuenta euros por un libro, dicionario, ensaio que damos por bo só polo argumento medieval de autoridade ou pola opinión interesada do gremio que o produce.
Ademais, algúns libros, como é o caso de moitos libros galegos, pagámolos realmente tres veces ou máis: a primeira cando aboamos o seu prezo na libraría; outras dúas porque son obras habitualmente subvencionadas ou editadas pola Xunta e das que mercan unha certa cantidade institucións públicas (universidades, institutos, bibliotecas públicas, etc.); a terceira, porque moitas destas obras serven para que os seus autores as presenten como méritos para postos dentro da Administración (profesores, inspectores de ensino, normalizadores, etc.), cuxos soldos tamén saen do peto dos cidadáns. Ata algunhas chegamos a pagalas por cuarta vez, cando as len ou as usan os seus autores como base de conferencias ou leccións en cursos e congresos literarios e culturais pagados pola Xunta e outras institucións. Xa que logo, eu, como consumidor e cidadán, teño dereito a falar e a informar sobre o que pago xa non só tres veces, senón catro ou cinco. Pregunto ademais: ¿quen controla estas subvencións?, ¿a quen se lles conceden estas subvencións? Se se repasan as listas de subvencionados, veremos que hai nomes que se repiten e repiten... Por certo, que ninguén pense que quen isto escribe protesta porque quere recibir convites, conferencias, etc. Creo que moitas destas subvencións poderían empregarse mellor noutras cousas e abondaría con colgar moitos textos literarios e conferencias de congresos en calquera enderezo institucional de Internet de xeito gratuíto. Así mesmo, os asistentes a cursos e congresos de crítica literaria e similares adoitan ser moitas veces os coñecidos dos organizadores, os amigos ou os profesores e funcionarios que buscan os puntos deses cursos, que agora esixen para as subas de soldo e a promoción profesional, que lembran aqueles puntos da cartilla Valispart de cando algúns eramos nenos.
Fronte a esta endogamia, o crítico independente sempre está aberto ao debate. Pero no noso mundo cultural oficialista nunca se convidan voces disidentes aos foros institucionais e subvencionados: os disidentes non son científicos, arman leas, son malos compañeiros, son resentidos, non teñen rigor universitario... Se tan parvos son, eu non sei como temen debater cos independentes e insubmisos... Por certo, despois que non se alporicen cando os critiquen en medios coma este e que non lles manden aos críticos mensaxes cheas de faltas de ortografía en son de protesta e pedindo explicacións en privado. Que se afagan a debater en público. Debe quedar claro que nós, con cortesía e argumentos, defenderemos gratis, sen subvención e sen puntos valispart as nosas opinións alá onde queiran debatelas... Outro problema no medio galego é que moitas persoas aínda cren que polo só feito de escribiren literatura en galego, cultivaren a crítica literaria en galego, elaboraren dicionarios ou gramáticas do galego..., teñen que recibir unha crítica positiva. Criticar algunha obra galega negativamente é ser un antipatriota. Os que non son patriotas son os escritores e intelectuais, que X. L. Barreiro denomina de oportunidade, que non se molestan, se viven da palabra, en aprenderen e melloraren o galego e as técnicas literarias. ¿Que editorial castelá, francesa, portuguesa, alemá... publicaría libros con erros rechamantes como fan ás veces editoriais galegas, que parece que non os len antes de os daren ao prelo? ¿Publicaría La Voz de Galicia un artigo semanal en castelán que tivese tantos erros como os que presentan semana tras semana os dunha filóloga profesional da Complutense madrileña que parece incapaz de estudar o galego estándar?
Tamén teriamos que falar dos prólogos e presentacións de autoridade. O pope ou popes habituais escriben un prólogo ou fan unha presentación en que din que o libro é unha marabilla... Despois comprobamos que nin o leron. O mesmo pasa cos autores que citan a autoridade do pope de rigor no prólogo do libro. Por estás razóns é necesaria unha crítica independente e plural, que estea disposta ao debate, que ofreza e discuta opinións contrapostas... Despois serán os lectores os que escollan, pois non son parvos. Esperemos que as presións non rematen por pechar os poucos espazos que aínda quedan para este tipo de crítica. Menos mal que grazas a Internet esta crítica libre e desinhibida está a experimentar un bo auxe.
Digamos, como remate, que estamos á disposición dos nosos criticados para debater con eles os nosos argumentos, pero sempre con luz e taquígrafos, e falando de canto se cobrou en subvencións, cal foi o traballo do bolseiro e o do director-coordinador do libro, onde se presentou como mérito para obter un traballo ou promocionarse profesionalmente, quen recomendou a subvención, que outras obras se desbotaron para elixir esa, como se premiou, quen son habitualmente os membros dos xurados, etc.
E que non se nos entenda mal: cremos que a cultura debe ser subvencionada –máxime se é unha cultura minoritaria e minorizada coma a galega–, que hai que encher as bibliotecas públicas e as dos centros de ensino de libros en galego, que debe haber premios literarios..., pero co adecuado control democrático e con moita, pero que moita luz. © Vieiros |
posted by George Cassiel @ 6:00 da tarde |
|
|
|
GEORGE CASSIEL
Um blog sobre literatura, autores, ideias e criação.
_________________
"Este era un cuco que traballou durante trinta anos nun reloxo. Cando lle
chegou a hora da xubilación, o cuco regresou ao bosque de onde partira.
Farto de cantar as horas, as medias e os cuartos, no bosque unicamente
cantaba unha vez ao ano: a primavera en punto."
Carlos López, Minimaladas (Premio Merlín 2007)
«Dedico estas histórias aos camponeses que não abandonaram a terra, para encher os nossos olhos de flores na primavera»
Tonino Guerra, Livro das Igrejas Abandonadas |
|
|
|